O 14 de abril homenaxe á II República

Asociación Cultural Eira Vella convídate a participar o sábado 14 de abril no acto de homenaxe ás vítimas betanceiras da represión franquista de 1936-1939 diante da placa colocada na súa lembranza á entrada do Museo das Mariñas.
A cita é ás 12 da mañá.

Agardámoste.


Presentación de Traizón consagrada

Imaxes do acto o pasado  14 de abril

A continuación da ofrenda ás vítimas tivo lugar na Sala Azul do Edificio Arquivo a presentación do libro “Traizón consagrada. A gran derrota do pobo hispano”, relato autobiográfico do avogado betanceiro Luis Cortiñas (1900-1986), encadeado polo franquismo. É unha reedición en lingua galega do que o autor editara en 1958 na Arxentina e que apenas era coñecido entre nós por non poder circular libremente no seu momento. A presente edición vai acrescentada con documentación gráfica e un limiar sobre a vida e a obra do autor.

Na presentación do libro interviron a presidenta Gabriela Rodríguez, Xesús Torres Regueiro (autor da introducción e versión galega), así como Tomás López Loureda (fillo do avogado López Datorre, alcalde fusilado en 1936, amigo e compañeiro de Cortiñas) e Xesús Torres Loureda “Martín”, que contaron senllos testemuños relacionados con Luis Cortiñas e o seu irmán Francisco, unha das vítimas betanceiras, asasinado en 1939 en plena rúa do Castro.

homenaxe de eira vella á República

O pasado 14 de abril Eira Vella realizou a homenaxe anual diante da placa colocada pola entidade cultural que lembra aos betanceiros vítimas da represión franquista de 1936, situada na entrada ao Museo das Mariñas e que é réplica da que o Centro Betanzos de Buenos Aires colocara na súa sede.

No acto, con presencia de varios familiares das vítimas, leuse un manifesto dos 80 anos da República, un par de poemas, os nomes completos das vítimas e algúns que non figuran na placa, tocouse o hino de Riego e o de Galicia polo músico Xosé Taboada e realizouse unha ofrenda floral.

Ao asistentes entregouselles unha postaliña cos nomes das vítimas e unha ilustración do betanceiro Manuel Crestar alusiva á represión franquista en Betanzos.

Eira Vella edita un libro do exiliado betanceiro Luis Cortiñas

O vindeiro 14 de abril a A.C. Eira Vella presentará o libro “Traizón consagrada. A gran derrota do pobo hispano” do avogado e republicano betanceiro Luis A. Cortiñas Díaz falecido na Arxentina en 1986. O acto terá lugar ás oito e media da tarde na sala Azul do edificio Arquivo.

O autor, nado en Betanzos en 1900, era fillo do farmacéutico Ricardo Cortiñas instalado na céntrica Praza do Campo nunha casa que foi embargada polo réxime franquista. Luis formou parte e presidiu a Irmandade da Fala de Betanzos, posteriormente foi membro da O.R.G.A., logo integrada en Izquierda Republicana. Licenciado en Dereito, exerceu a avogacía en Betanzos e na Coruña. Preso a raíz do golpe militar en 1936, foi condenado a trinta anos de prisión e estivo cumprindo condea ata 1941 na cadea de Pamplona. Ao sair do cárcere exiliouse na Arxentina, onde tiña moita familia, revalidando e desenvolvendo a súa carreira de avogado. Alí publicou em 1958 este libro que apenas é coñecido entre nós e que agora se publica en lingua galega arrequecido cunha introducción de Xesús Torres e diverso material gráfico. Nel, o autor, fai un repaso polas penalidades que sufriu a raíz do golpe militar do 18 de xullo de 1936, co seu xuízo e prisión durante catro anos e, polo medio, vai tranzando a súa interpretación da historia de España nos últimos séculos e as impresións dos acontecementos máis recentes naqueles tráxicos momentos.